Saturday 20 de April de 2024

O Concello publica a terceira entrega de ‘Eu Son Camariñas’ con Luna Suárez, arquitecta de Camelle


A protagonista realizou un amplo traballo de investigación sobre Manfred Gnädinger.

Cada mes publicarase na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un veciño ou veciño de Camariñas que destaque no seuámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social.

O Concello de Camariñas publicou a terceira entrega do programa ‘Eu Son Camariñas’ que lle dá voz Luna Suárez Marcote, unha arquitecta de Camelle que sorprendeu co seu traballo de fin de grao sobre o Alemán de Camelle, Manfred Gnädinger, na Universidade da Coruña.

‘Eu son Camariñas’ é un proxecto municipal creado para dar visibilidade a diversos camariñáns que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. A nova proposta consiste en publicar mensualmente na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un destes camariñáns senlleiros.

Nesta ocasión a protagonista é Luna Suárez Marcote, que estudou arquitectura na UDC e exerce a profesión nun estudio da Coruña dende hai catro anos. Creceu ao carón do artista alemán de Camelle e iso levouna a realizar o seu traballo de fin de grao sobre a súa figura e a súa arte. Nel tócanse todos os puntos da vida e arte de Manfred, algúns deles completamente descoñecidos como pode ser a fotografía ou o paradoiro dos cartos que cobraba aos visitantes por visitar o seu museo.

Eu Son Camariñas

Un dos propósitos orixinais do proxecto consistía en dar visibilidade aos camariñáns que lograron notoriedade ao longo da historia, tanto dende a nosa vila como dende a diáspora. Ademais pretendíase crear un escaparate dende o cal se reflexe o traballo desa xuventude estudosa, traballadora e emprendedora do Concello de Camariñas. Crear unha ventá que amose ao mundo todas as virtudes desas artesás, deportistas, escritores, mariños, empresarios… pequenas historias das nosas xentes que deu e seguirá dando este concello cheo de talento.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a nova etapa deste proxecto tamén pretende inculcar un chisco de esperanza a todos os nosos veciños e a toda esta xeración que está a formarse dentro das escolas de todo o concello”.